Grupo Fomento Iniciativas

volver

O VICEPRESIDENTE DA XUNTA E O CONSELLEIRO DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA VISITARON A ITV DO ESPÍRITO SANTO (SADA - A CORUÑA) E ANUNCIARON CAMBIOS.

No transcurso da visita, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, anunciaron cambios importantes:

  • As tarifas redúcense.
  • A rede de estacións ITV amplíase.
  • O servizo esténdese aos ciclomotores e cuadriciclos.
  • Crease un Centro de Inspección de Vehículos especiais para o transporte de productos alimentarios a temperatura regulada.
  • Os arquivos provinciais de vehículos dixitalízanse.

Son “actuacións necesarias, innovadoras e intelixentes porque abren un panorama de cambios nun sector de vital importancia para poder salvar vidas nas estradas” e ademais impulsan a protección do medio ambiente, mediante a reducción das emisións contaminantes e o compromiso ao máis alto nivel coa calidade e o óptimo funcionamento do parque automobilístico galego.

  • A reducción do 10% nas tarifas vixentes, a súa conxelación ata o 31 de decembro de 2011 e, a partir desa data, as revisións anuais cun incremento equivalente ao IPC menos 0,5%, abaratarán os prezos e farán que estes non desincentiven a ninguén, fomentando unha conducta responsable entre os usuarios.
  • A ampliación da rede de ITV, coa construcción de catro novas estacións fixas ou a ampliación de catro novas liñas nas estacións xa existentes, estará operativa en 2011 e suporá un investimento global de 4,8 millóns de euros. Deste xeito, aumentarase a capacidade e racionalizarase a localización espacial do servizo, achegándoo aos usuarios. En definitiva, haberá máis recursos e estes estarán máis preto das persoas que os precisan, para que sexa máis doado pasar a inspección.
  • A ampliación do servizo de inspección técnica aos ciclomotores e cuadriciclos lixeiros, iniciarase o 1 de xaneiro de 2009 e suporá un investimento previo dun millón de euros. Con este paso, daráselle cobertura a un ámbito, o dos ciclomotores, de extrema relevancia nas tendencias actuais dos accidentes de circulación, facendo realidade unha das liñas de acción recollidas no Plan de Seguridade Viaria 2006-2010.
  • Por outra beira, o vindeiro ano comezará a construcción dun túnel de frío de última xeración. Suporá un investimento global de 1,3 millóns de euros e situará a Galiza á cabeza de España na dotación de infraestructuras para realizar os ensaios obrigatorios aos vehículos isotermos e frigoríficos de transporte de alimentos. Esta medida vai supoñer un importante aforro nos seus custos, para moitas empresas galegas.
  • Finalmente, a dixitalización dos arquivos provinciais de vehículos –de titularidade das respectivas delegacións provinciais da Consellaría de Innovación e Industria–, que ata agora están en formato papel, mellorará a xestión das bases de datos e a custodia, conservación e integridade dos documentos nelas contidos. A dixitalización facilitará a accesibilidade en tempo real á información e o intercambio áxil e seguro con outras administracións.

Todas estas medidas inscríbense na “lóxica dunha ADMINISTRACIÓN RESPONSABLE QUE PRIVILEXIA O SERVIZO PÚBLICO”, poñendo a avaliación e os sistemas de inspección ao servizo da cidadanía como elementos en positivo e aliados dos cidadáns, “en definitiva, MAIS MEDIOS, NOVAS GARANTÍAS, MAIOR COMPROMISO COA CALIDADE E A MENOR PREZO".

volver

© Supervisión y Control SA