Applus+ apuntala o seu posicionamento no sector aeronáutico coa adquisición de A2M Industrie
A multinacional Applus+, con orixe en Galicia e presenza en 70 países, deu un paso máis na súa aposta por reforzar o seu posicionamento como provedor estratéxico do sector aeronáutico, que conta cunha gran proxección na comunidade galega. A compañía acaba de adquirir o laboratorio francés A2 M Industrie, especializado en ensaios de materiais, que presta servizos de alto valor engadido ao sector aeronáutico, industrial e nuclear.
O laboratorio de A2 M Industrie está situado preto de Lyon (Francia) e ten unha cifra de negocio próxima aos 3 millóns de euros e máis de 25 empregados especializados. Dispón das acreditacións Nadcap e Cofrac, está habilitado para realizar ensaios para a industria nuclear e é un dos poucos laboratorios recoñecidos polo Grupo Safran en Europa.
A2 M Industrie integrarase na división Applus+ Laboratories, que en Galicia está representada nos laboratorios da sede central de Applus+ Norcontrol, en Sada. O vicepresidente de Applus+ e responsable da división Laboratories, Jordi Brufau, destacou que “a incorporación de A2 M Industrie amplía a nosa rede europea de laboratorios para a industria aeronáutica e reforza o noso posicionamento como provedor de servizos de alto valor engadido para os fabricantes de motores aeronáuticos e os seus provedores”. Pola súa banda, o director de A2 M Industrie, Cyril Romagny, destacou a oportunidade que supón para este laboratorio a súa integración no Grupo Applus+, o que abre “unha gran oportunidade de desenvolvemento técnico, permitindo ampliar a gama de produtos e abrirse ao mercado europeo”.
Esta adquisición súmase á operación realizada polo grupo Applus+ no sector aeroespacial. Trátase da empresa estadounidense Talon Test Laboratories, especializada en ensaios non destrutivos. Fundada en 1999, esta compañía é un provedor de referencia no ámbito aeroespacial, con máis de 50 empregados e unha cifra de negocio próxima aos 4,5 millóns de dólares. Entre os seus clientes conta con compañías de primeira liña no sector como Carterpillar, Aerijet Rocketdyne, Alliance Aeroespace Engineering, Rolls- Royce, Bombardier Aerospace, Spacex ou Boeing. Esta última compañía está tamén desenvolvendo un importante proxecto no Polo Aeroespacial de Rozas, en Lugo, o que pon de manifesto a nova oportunidade que se abre para desenvolver importantes sinerxias nun sector de gran potencial en Galicia.
A comunidade galega é actualmente un dos eixes estratéxicos de expansión do Grupo Applus+, unha das compañías líderes mundiais en inspección, ensaios e certificación. Cotiza nas bolsas de Madrid, Barcelona, Valencia e Bilbao, e emprega a máis de 22.800 persoas. En Galicia xerou máis de 1.000 postos de traballo, operando non só na división de Laboratories. Tamén conta con sedes e oficinas integradas nas divisións de Automotive e Energy & Industry. No ámbito de inspección industrial o grupo ten unha gran presenza en obra pública e privada a través de Applus+ Norcontrol, con central en Sada. Outro dos sectores estratéxicos é o do automóbil, tanto no ámbito de I+D+i como en inspección.
En innovación destaca o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, que conta como socio tecnolóxico con Applus+ Idiada e ten a súa sede no Porriño. En canto a inspección técnica de vehículos, SyC- Applus+ xestiona toda a rede de estacións na comunidade, composta por un total de 26 centros fixos e 10 móbiles. Ademais, a través dun proxecto de investigación en colaboración coa Universidade da Coruña desenvolveu un innovador modelo de estación, baseado na arquitectura modular e a automatización de procesos, que se converteu nun modelo para o seu desenvolvemento noutros mercados.