Applus+ Galicia impulsa unha iniciativa pioneira cos seus Consellos de Conciliación e Igualdade
A multinacional Applus+ acaba de dar un paso máis nas súas políticas de relacións laborais, cunha iniciativa xurdida precisamente en Galicia, e que nace como pioneira na comunidade. Os novos Consellos de Conciliación e Igualdade, que nacen de forma paralela tanto en SyC Applus+ como en Applus+ Norcontrol, son órganos relacionados directamente coa dirección das empresas que compoñen o grupo en Galicia, e cuxa misión é deseñar as políticas de conciliación e igualdade como eixe transversal á súa estratexia empresarial.
Os consellos de conciliación de ambas as empresas están constituídos por representantes destacados dos diferentes departamentos, e presidida no caso de SyC Applus+, concesionaria da inspección técnica de vehículos en Galicia, por Raquel Grandal, directora de Produción da empresa. En Applus+ Norcontrol o cargo recaeu en María Louzao, directora de zona noroeste da división Energy & Industry en España.
Ambas directivas desenvolveron unha importante traxectoria nas súas empresas, e asumiron este compromiso, que se consolida tras un proceso de sensibilización e concienciación sobre a conciliación familiar e laboral no seo das súas empresas, que son singulares polo seu perfil altamente técnico, e que conta con todo con numerosas mulleres en postos de alta responsabilidade.
Entre os obxectivos destes órganos, que actualmente están a desenvolver as primeiras reunións para deseñar a súa folla de roteiro, está avanzar nos protocolos xa iniciados en anteriores plans de igualdade, co fin de previr situacións de discriminación ou acoso por razón de xénero, planificar medidas que garantan a igualdade de oportunidades no ámbito da promoción interna, así como a conciliación familiar e laboral tanto en caso de traballadoras como traballadores.
Co fin de garantir a transparencia e a participación de todo o cadro de persoal das empresas e transmitir á dirección as recomendacións e solucións para minimizar as barreiras procedentes de todos e cada un dos departamentos, en cada consello dispúxose unha caixa de correos de suxerencias ao que pode presentar as súas propostas calquera traballador.
Applus+ é unha das compañías líderes mundiais en inspección, ensaios e certificación. Desenvolve a súa actividade en máis de 70 países, cotiza nas bolsas de Madrid, Barcelona, Valencia e Bilbao, e emprega a máis de 22.800 persoas. Galicia é actualmente un dos seus eixes estratéxicos de expansión, con máis de 1.000 postos de traballo repartidos nos centros de operacións e oficinas pertencentes ás divisións de Laboratories, Automotive e Energy & Industry. Ademais do ámbito de inspección industrial, no que o grupo ten unha gran presenza en obra pública e privada a través de Applus+ Norcontrol, con central en Sada, un dos sectores estratéxicos é precisamente o do automóbil, tanto no ámbito de I+D+i como en inspección.
En innovación destaca o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, que conta como socio tecnolóxico con Applus+ Idiada e ten a súa sede no Porriño. En canto a inspección técnica de vehículos, SyC- Applus+ xestiona toda a rede de estacións na comunidade, composta por un total de 26 centros fixos e 10 móbiles. Ademais, a través dun proxecto de investigación en colaboración coa Universidade da Coruña desenvolveu un innovador modelo de estación, baseado na arquitectura modular e a automatización de procesos, que se converteu nun modelo para o seu desenvolvemento noutros mercados.