Ampliamos horario da ITV de Bueu ante a crecente demanda.
A Estación de ITV de Bueu, situada no Polígono Empresarial de Castiñeiras, está a piques de cumprir seis anos de funcionamento, nos que o incremento de inspeccións foi unha constante, alcanzando un ritmo do 10% anual.
Esta estación cobre principalmente as áreas do Morrazo de Cangas e Moaña, ademais de Bueu, evitando moitos desprazamentos a Pontevedra ou Vigo para realizar a ITV. O pasado ano superáronse as 23.000 inspeccións, das que 3.500 eran vehículos industriais e 1.500 motocicletas e ciclomotores. Estes datos poñen de manifesto a importancia da localización das estacións, o que evita trastornos innecesarios, garante en gran medida que un número importante de vehículos circule coas súas inspeccións en regra e contribúe a reducir a sinistralidade.
A Estación de ITV de Bueu conta con dúas liñas de inspección completas. Para atender a crecente demanda, este mes ampliouse o horario, estendendo o servizo de luns a venres ata as 14.00 horas pola mañá e as 19.30 horas pola tarde, e incorporando os sábados, en horario de 8.00 a 14.30 horas.


