Lorena Rey: “Neste traballo gústame todo”
Lorena Rey move a máquina limpadora pola nave da ITV de Vilalba mentres entran e saen coches cuxo estado supervisan algúns dos restantes empregados. Nada hai de estraño no seu traballo, no que di estar integrada e do que só se lle escoitan comentarios favorables. Leva nesta tarefa desde a primavera, cando foi seleccionada das tres que chegaron para unha fase de prácticas de formación.
O seu caso ten algo de peculiar, xa que polas mañás acode ao centro ocupacional, ao que asisten outras persoas de Vilalba, como ela, e de municipios próximos que teñen diversidade funcional. Na súa vida diaria hai dúas partes: nos talleres do citado centro pasa catro horas, de dez da mañá a dúas da tarde; e na sede da ITV, tras unha pausa dunha hora para comer, está de tres a sete da tarde.
Nas instalacións da inspección técnica, situadas no polígono de Sete Pontes, a uns centos de metros do centro ocupacional do que é usuaria, limpa, varre, baleira papeleiras ou retira os carteis que se colocan nos coches coa hora asignada para pasar a revisión. ¿Está contenta con esta experiencia? Parece que non hai dúbida: «Estou, si», afirma. «Gústame todo», di.
Noticia completa en La Voz de Galicia