Applus+ Galicia prepara a persoas con discapacidade intelectual para acceder a un emprego
A Federación Galega de Asociacións en favor dás Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento, denominada Fademga Plena inclusión Galicia, e a empresa Applus+ Norcontrol, unha das sedes galegas da multinacional Applus+, iniciaron este ano unha colaboración que xa permitiu a catro persoas con discapacidade intelectual ter a oportunidade de prepararse para o mundo laboral nas instalacións desta empresa.
Durante un mes, e mediante a metodoloxía de emprego con apoio, este grupo puido desempeñar distintas tarefas de ordenanza, e coñecer en primeira persoa a contorna laboral da empresa ordinaria, máximo expoñente da inclusión laboral.
Tal e como asegura o presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández, “o mercado laboral non terminou de descubrir o talento que poden achegar as persoas con discapacidade intelectual. Aínda queda moito por facer e en moitos casos, a pesar da valía destas persoas, as empresas non acaban de darlles a oportunidade de demostrar as súas capacidades”. Desde hai anos, Applus+ desenvolve en Galicia numerosas iniciativas enmarcadas na filosofía de devolver á sociedade parte do que nos dá. Neste ámbito, a principal aposta é o proxecto “Sen Límites”, que promove a incorporación de persoas con diversidade funcional na empresa ordinaria. Na actualidade, Applus+, pioneira na comunidade nunha experiencia deste tipo, conta no seu persoal do territorio galego con 29 empregados con discapacidade intelectual.
O emprego con apoio
FADEMGA Plena inclusión Galicia é pioneira no desenvolvemento da metodoloxía de emprego con apoio, a través da que un preparador laboral acompaña e axuda á persoa con discapacidade intelectual a desenvolver as súas tarefas no novo posto.
O preparador laboral apoia non só ao traballador, senón á empresa que o integra. Un apoio que vai desaparecendo na medida que a persoa coñece ben as tarefas para desenvolver e segundo van aparecendo os apoios naturais que son aqueles que proporcionan os propios compañeiros de traballo.
Prexuízos, estereotipos, a falta de experiencias previas… grazas ao emprego con apoio, en FADEMGA Plena inclusión Galicia axudamos á empresa para vencer estes escollos, mostrándolles as vantaxes que ten a incorporación de persoas con discapacidade intelectual na empresa ordinaria á vez que contribuímos á inclusión laboral do colectivo.