Applus+ acada un crecemento do 5,9% e xa supera os 22.800 empregos en todo o mundo
A multinacional Applus+, con orixe en Galicia, onde se sitúa unha das súas tres sedes principais, presentou hoxe en Londres os resultados do exercicio 2018, nos que destaca un crecemento do 5,9% (orgánico do 4,9%). O grupo Applus+ é unha das compañías líderes mundiais en inspección, ensaios e certificación, e alcanzou o pasado ano uns ingresos de 1.675,9 millóns de euros e un resultado operativo de 170,8 millóns de euros.
Na memoria de resultados destácase a relevancia da integración no grupo da rede galega de estacións de ITV que SyC-Applus+ xestiona en Galicia. Incorporada na división de Automotive do grupo, esta nova achega reforzou de maneira decisiva o volume de negocio e a especialización de Applus+ na comunidade galega.
Applus+ desenvolve a súa actividade en máis de 70 países, cotiza nas bolsas de Madrid, Barcelona, Valencia e Bilbao, e emprega a máis de 22.800 persoas. Galicia é actualmente un dos seus eixos estratéxicos de expansión, con máis de 1.000 postos de traballo repartidos nos centros de operacións e oficinas pertencentes ás divisións de Laboratories, Automotive e Energy & Industry. No ámbito de inspección industrial, o grupo conta con Applus+ Norcontrol, coa oficina central e laboratorios en Sada e oficinas en Ourense e Pontevedra. En innovación e enxeñería do automóbil destaca o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG-Idiada), no Porriño, e en inspección técnica de vehículos SyC-Applus+ é a concesionaria do servizo de ITV en Galicia, xestionando toda a rede de estacións na comunidade.