Premio José Luis Alvite para Carlos Luis Rodríguez, director de comunicación de Syc Applus
A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou por unanimidade outorgar o Premio de Columnismo José Luis Alvite ao xornalista Carlos Luis Rodríguez, director de comunicación de SyC Applus. A ampla traxectoria do galardoado está ligada con El Correo Gallego, xornal onde Rodríguez desenvolve, dende hai máis de quince anos, a súa actividade como columnista de xeito habitual.
Ademais disto, o xornalista encargouse da direción e presentación de programas de entrevistas e debates na Televisión de Galicia. Así mesmo, Rodríguez foi dos primeiros reporteiros españois en falar con Yaser Arafat e con outras personalidades de renome internacional como Mario Vargas Llosa, Jacques Delors ou Mario Soares.
Á hora de distinguilo con este galardón, que alcanza a súa cuarta edición, a directiva da APG destacou “a súa capacidade de argumentar con rigor e moderación, con artigos nos que achega un estilo áxil e claro”.