A estación de O Allo inspeccionou máis de 257.000 vehículos desde a súa apertura
Dende a súa posta en funcionamento, o 5 de xullo de 2012, a estación da ITV instalada no polígono de O Allo non parou de medrar tanto en número de revisións de vehículos como na creación de postos de traballo. Durante estes escasos sete anos de funcionamento leváronse a cabo 257.000 inspeccións e o número de traballadores incrementouse nun 250%, xa que pasou de 4 a 14.
Manuel Muíño Espasandín, alcalde de Zas, puxo de manifesto a importancia do servizo para o municipio e para toda a Costa da Morte. “A ITV foi un dos investimentos máis importantes da historia do noso concello, pero, máis alá do desembolso económico, a importancia do servizo radica en que creou postos de traballos directos e indirectos e evita o trastorno que lle supoñía á veciñanza desprazarse até Arteixo ou Santiago de Compostela para realizar un trámite tan importante para a seguridade viaria como é a inspección técnica dos seus vehículos”.
Preto de 12.000 revisións no que vai de 2018
Ano a ano, o número de inspeccións na ITV de O Allo medra de forma exponencial. O 68,52% das inspeccións realizadas dende os inicios corresponden a turismos; case o 19% a vehículos de mercadorías lixeiras, tales como furgóns e furgonetas de menos de 3.500 quilogramos, e case o 5% das inspeccións realizáronse a vehículos agrícolas.
Como consecuencia do aumento do volume de revisións tamén se incrementaron considerablemente o número de postos de traballo directos. A estación de O Allo abriu con dúas liñas de inspección directas –unha de turismos e outra universal– e cun equipo formado por catro persoas –tres encargadas da realización das inspeccións e unha da área administrativa–.
Actualmente, a estación de O Allo conta cunha plantilla formada por 14 persoas –dez encargadas da inspección en nave, tres administrativas e un ordenanza que pertence ao proxecto de integración laboral de persoas con discapacidade intelectual Son Capaces–. O horario actual de atención ao público é de luns a venres, de 08.00 a 21.00, e os sábados de 08.00 a 14.30 horas, o que supón un total de 71 horas e media de atención ao público á semana.
Cada vez tamén se amplía máis a área de procedencia dos clientes, que chegan dende toda a comarca de Soneira e de moitos outros puntos da de Bergantiños e Xallas. Carballo, Mazaricos, Santa Comba e incluso Muros son algúns dos puntos xeográficos dende os cales se desprazan.