Applus+ Galicia, mejor empresa de la eurorregión España-Portugal en políticas de igualdad
Applus+ Galicia, formada por SyC Auto e Energy & Industry, recibirá o martes 18 de xuño, na sede da Universidade de Porto (Portugal), o Primeiro Premio de Igualdade de Oportunidades nos Premios Transfronteirizos. O galardón abarca o territorio das rexións de Galicia, Estremadura, Castela e León e Norte de Portugal. O obxectivo desta distinción é recoñecer as traxectorias máis destacadas no ámbito da implantación de políticas de conciliación e igualdade.
En concreto, os Premios Transfronteirizos de Conciliación e Igualdade están orientados a aspectos como as iniciativas relacionadas coa xestión do tempo, a flexibilidade e o equilibrio da vida laboral e persoal, así como aquelas dirixidas á participación en igualdade de dereitos de mulleres e homes.
A división galega de Applus+ foi galardoada na categoría do Recoñecemento á Igualdade de Oportunidades, grazas a un proxecto baseado nas diferentes iniciativas e medidas que a compañía puxo en marcha co obxectivo de contribuír ao recoñecemento da diversidade, a procura da igualdade de oportunidades e a integración social así como a adaptación dos procesos de xestión e a coordinación responsable dos traballadores.
Entre os eixes fundamentais deste proxecto destaca a recente creación do Consello de Conciliación e Igualdade, pioneiro en Galicia, co obxectivo de garantir o uso de políticas de conciliación dentro das relacións laborais. Todo iso compleméntase con medidas de sensibilización e que fomenten a promoción xerárquica, como o Programa Shadowing con directivas. En definitiva, iniciativas e accións que propician a promoción da igualdade efectiva entre homes e mulleres en todos os ámbitos relacionados coa actividade que Applus+ desenvolve.
O pasado mes de febreiro, a multinacional tamén foi recoñecida co galardón do Top Employer Institute, unha entidade internacional que cada ano elabora unha lista das mellores prácticas laborais. En España foron seleccionadas un total de 94 empresas, entre as que se atopaba Applus+.
A multinacional Applus+ conta con 22.800 profesionais, está presente en 70 países e posúe 350 oficinas e laboratorios. En Galicia atópase unha das súas sedes principais. As distintas divisións implantadas na comunidade galega abarcan desde inspección industrial, coa sede de Applus+ Norcontrol na Coruña, laboratorios en Sada e oficinas en Ourense e Pontevedra, así como en enxeñería do automóbil, co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, e a inspección técnica de vehículos, coa rede de estacións de ITV, que xestiona SyC Applus+.
A obtención desta distinción encaixa nas liñas mestras da acción de responsabilidade social que exerce a compañía, que trata de facilitar aos seus traballadores a igualdade de oportunidades e a conciliación da súa vida persoal e laboral. No ámbito do desenvolvemento profesional, a filosofía de Applus+ sempre foi facer crecer e desenvolver o talento en todos os niveis da organización, optimizando continuamente o crecemento profesional e persoal dos seus empregados.