SYC premia o compromiso dos seus traballadores coa identidade galega.
Supervisión y Control entregou onte na Estación de ITV de Espírito Santo os premios do Concurso Meu Lar, organizado no marco das accións de compromiso social. Este ano o certame tivo como eixo a cultura galega, o apego pola nosa terra e a posta en valor da súa beleza, tradicións e os costumes.
Á convocatoria presentáronse 143 traballos, implicando a metade do cadro de persoal, que ilustraron as lendas, costumes ou tradicións e festas populares que definen á sociedade galega. Ao acto acudiu o presidente do Grupo Fomento de Iniciativas, Amador de Castro, xunto co director xeral de Supervisión y Control, Juan Diego Rodríguez, e a directora de Recursos Humanos de SYC, Mercedes Olmedo.
Amador de Castro destacou a participación masiva neste tipo de iniciativas, que pon de manifesto que Supervisión y Control é algo máis que unha empresa, cunha tecnoloxía punteira e profesionais á altura dos retos que plantexa a inspección de vehículos. Engadiu que o feito de que “unha empresa á vangarda tecnolóxica se ocupe ao mesmo tempo das tradicións da sua contorna, reflicte moi ben o noso estilo”, combinando a tradición cos obxectivos de innovación constante.
No certame, no que actuaron como xurado os propios traballadores de todas as estacións, resultaron seleccionados 12 traballos, un por cada mes do ano, reunidos nun calendario e un libro no que figuran todas as descricións das lendas, festas e costumes. As propostas foron votadas, de xeito voluntario, polos distintos membros das estacións existentes en toda Galicia. As temáticas favoritas xiran en torno a festas como San Xoán, a Romaría de Santa Minia ou a Festa Hortera, así como lendas como a da Illa da Toxa ou o Volcán de Ourense, e costumes como a Queimada ou a retranca galega.