Amador de Castro, moito máis que contable de Astano
Amador de Castro podería definirse como un dos homes máis humildes e con máis éxito empresarial de Galicia. Na rúa pasa desapercibido pese a que todos os que teñen un coche que ten que ir á inspección técnica de vehículos foron os seus clientes.
Creou un grupo empresarial –Fomento de Iniciativas– do que hoxe colgan Sogarisa, a construtora Abeconsa e o negocio náutico. De Supervisión y Control mantén, xunto co grupo Campo e José Luis Álvarez, o 20 %, tras vender o resto («o que me fixo dano, aínda que outra decisión sería ser un egoísta», recoñecía en privado) ao grupo cotizado Applus. O empresario naceu o día de Noiteboa de 1947, na casa. A súa nenez lémbraa marabillosa na rúa Vizcaya, na Coruña, onde xogaba ao fútbol cos seus colegas e, se pasaba un coche, protestábanlle.