Un 40% dos ciclomotores suspenden ao intentar pasar a ITV.
Segundo os nosos últimos datos, case catro de cada dez ciclomotores coruñeses suspenden a Inspección Técnica de Vehículos (ITV). Só 173 destes vehículos pasaron a revisión nos primeiros tres meses do ano. E iso que dende xaneiro tamén é obrigatorio para as motos de menos de 50 cc. e con tres anos de antigüidade. A maioría destes suspensos están provocados polas trucaxes dos condutores: os tubos de escape non se axustan aos niveis de ruído permitidos ou despareceron os limitadores de velocidade (os ciclomotores non poden circular a máis de 50 km/h).
Só na Coruña hai máis de 4.100 ciclomotores censados, se ben non todos con máis de tres anos. Pero os expertos calculan que aínda non se someteron a revisión polo menos o 90% dos vehículos.
Nos talleres da cidade non sorprende este primeiro balance. “Falta moita información, os condutores non saben que teñen que pasala”, explica José Manuel Cascales, da Asociación Provincial de Talleres (APT). De igual forma, o gremio tampouco se sorprende dos suspensos. “O tunning está moi de moda, sobre todo entre os mozos, e hai ciclomotores que parecen outro totalmente novo despois de tocalo un pouco”, aseguran.
Hai que destacar que os talleres que realizan este tipo de prácticas están a cometer unha irregularidade. O verdadeiro problema destas trucaxes é que se fan de xeito caseiro, con todo o que iso supón para o risco do motorista e das persoas.