A estación de ITV de Vilalba amplía o seu horario a partir do 1 de marzo
A Estación de Inspección Técnica de Vehículos de Vilalba (Lugo) ampliará o seu horario de apertura a partir do 1 de marzo. A decisión de SyC – Applus, concesionaria da ITV en Galicia, responde ao crecemento experimentado por este centro, así como a demanda cada vez maior de inspeccións, e co obxectivo de mellorar a atención dos clientes de toda a zona de cobertura. Así, pasarase a abrir de luns a venres de 8:00 a 21.00 horas en horario ininterrumpido e os sábados de 8:00 a 14:30 horas. Dese xeito agárdase contribuír a que os clientes podan compatibilizar os seus horarios laborais e persoais.
A ITV de Vilalba foi inaugurada en xullo de 2009 cunha única liña de inspección. Debido ao incremento da demanda, no ano 2013 ampliouse a capacidade da estación, habilitando a segunda liña. O centro está preparado para realizar inspeccións periódicas a todo tipo de vehículos, así como xestionar todos os trámites necesarios para a legalización de calquera reforma de importancia no vehículo, tramitación de duplicados ou documentación necesaria para a primeira matriculación en España ou calquera outra inspección necesaria para a legalización doutros trámites administrativos.
A estación de Vilalba está en continuo crecemento, chegando a superar ao longo de 2017 as 25.500 inspeccións periódicas de primeira cita, o que supuxo un crecemento do 12,7% con respecto ao ano anterior. O 65% foron turismos, o 15% mercadorías lixeiros, o 10% mercadorías pesados e o parque agrícola achegouse ao 5,5% do total de vehículos inspeccionados. Ademáis, realizaronse preto de 7.500 segundas inspeccións e legalizáronse 750 inspeccións non periódicas, que se realizan para a legalización de reformas. Neste momento a estación conta con sete traballadores e traballadoras, coa previsión de pasar a oito cando se amplíe o horario.
Os usuarios e usuarias xa teñen dispoñible en www.sycitv.com e no teléfono 902 309 000 a axenda para reservar cita previa na estación de Vilalba no novo horario, que lembramos será efectivo a partir do día 1 de Marzo.