O Parlamento Europeo amplía as inspeccións periódicas a motocicletas, ciclomotores e algúns remolques.
Co fin de mellorar a seguridade vial, o Parlamento Europeo decidiu avalar a proposta da Comisión de ampliar as inspeccións periódicas a motocicletas e ciclomotores, así como a algúns remolques. Ademais, apoian un sistema baseado en niveis de risco para realizar inspeccións en estrada de vehículos comerciais e novas regras sobre a documentación dos vehículos.
Os eurodeputados votaron a favor de estender as inspeccións obrigatorias ás motocicletas a partir do 2016 e aos ciclomotores a partir de 2018.
A primeira directiva actualiza unha lexislación en vigor dende 2009, que fixa normas mínimas a nivel europeo para as inspeccións de vehículos e se aplica aos turismos, autobuses e autocares destinados ao transporte de persoas, así como aos vehículos pesados de transporte de mercadorías e os seus remolques.
Pola súa parte, os remolques que pesen máis de dúas toneladas e os remolques de caravanas superiores a 750 quilogramos tamén deberían superar revisións periódicas. Estas categorías de vehículos están, na actualidade, excluídas do sistema común, polo que as súas inspeccións son competencia dos Estados membros.
Os eurodeputados avogan por manter os estándares actuais para os remolques de máis de 3,5 toneladas e suxiren manter o requisito mínimo actual de catro anos para a primeira inspección técnica dos coches, ás que se sucederán controis cada dous anos.
Segundo cifras da Comisión Europea, as deficiencias técnicas dos vehículos provocan máis de 2.000 vítimas mortais ao ano, das que a metade poderían terse evitado de terse levado a cabo unha mellora no sistema de inspeccións técnicas.



