O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces; o concelleiro de Medio Ambiente e Convicencia do Concello de Santiago, Xan Duro, así como o conselleiro delegado do Grupo Fomento de Iniciativas, José Luis Álvarez, e o director xeral de Supervisión y Control, Juan Diego Rodríguez, realizaron hoxe unha visita ás obras da nova estación de ITV que se están a desenvolver no polígono de A Sionlla, en Santiago de Compostela.
O motivo da visita a estas instalacións, que xa se atopan no ecuador da súa execución, era coñecer o modelo de esquema modular desenvolvido por un equipo da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. Trátase dun modelo pioneiro en España, que simplifica o proceso de construción e montaxe da estación. O doutor arquitecto Félix Suárez, como reprentante do Grupo de Estruturas Especiais da ETSAC, foi o encargado de explicar os detalles deste proxecto, que destaca pola súa versatilidade, xa que se pode ampliar segundo as necesidades de cada estación en concreto, así como a súa universalidade, ao estar homologado para calquera país do mundo, e a adaptabilidade dos materiais.
Este proxecto é froito da colaboración entre a universidade e empresa, en concreto de Supervisión y Control, entidade concesionaria da inspección técnica de vehículos en Galicia. A aposta da compañía pola permanente modernización técnica e tecnolóxica das súas dotacións e servizos, levou á necesidade de actualizar os seus modelos de estacións, distribuidas por toda Galicia. Foi así como se trasladou a proposta á Escola de Arquitectura, arrincando un proceso que culminou coa obtención da patente. Dados os excelentes resultados acadados por este modelo, será aplicado no futuro en todas as novas estacións que se vaian construindo en Galicia. En concreto, ás instalacións de A Sionlla destinouse un investimento de 1,8 millóns de euros, coa previsión de acadar en torno ás 25.000 inspeccións o primeiro ano. Ler máis